Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta enxalza a importancia dos informes periciais de expertos periciais de expertos para avanzar cara unha Xustiza de calidade


― O director xeral de Xustiza, Juan José Martín participou hoxe na inauguración dunha nova edición do “Congreso (Inter)nacional de psicoloxía xurídica e forense”

― Destacou o traballo de profesionais en ciencias sociais e do comportamento na valoración de probas e asesoramento que axuden aos xuíces na resolución dos procedementos xudiciais, como é o caso dos equipos psicosociais do Imelga

― A Xunta mantén o compromiso coa dotación dos medios precisos para contar cunha xustiza de calidade mediante a colaboración cos colexios oficiais de Psicoloxía e Traballo Social na elaboración de informes periciais cos que axilizar a actividade xudicial

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá por videoconferencia na inauguración do Congreso (Inter)Nacional de Psicoloxía xurídica e forense, no que enxalzou a importancia das ciencias sociais e do comportamento na valoración de probas que contribúan a ditar as resolucións xudiciais correspondentes.

Segundo explicou o director xeral de Xustiza, en moitos casos os elementos para a toma de decisións xudiciais exceden o xurídico, sendo preciso contar co asesoramento de profesionais obxectivos e expertos que poñan á disposición da Administración da Xustiza os seus coñecementos. Trátase, por exemplo, da análise de probas de ADN, de credibilidade de testimonios ou ditamenes psicolóxicos que teñen especial relevancia en procedementos xudiciais relacionados co Dereito Penal e que inflúen na decisión xudicial final.

A Xunta considera imprescindible contar co asesoramento de expertos porque os asuntos cada vez máis complexos que chegan aos xulgados galegos requiren de coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xuíz poida facer una correcta valoración das circunstancias relevantes no asunto a enxuízar.
Por iso, Juan José Martín destacou que este congreso constitúe un foro idóneo para a análise de temas de interese para a sociedade e servirá para afondar no coñecemento da psicoloxía xurídica e forense e na constante actualización e evolución dos procedementos relacionados con este ámbito. Así, sinalou que os avances científicos nas ciencias sociais e do comportamento e a súa aplicación en auxilio nos procedementos xudiciais permiten avanzar cara a xustiza de calidade e moderna que a sociedade demanda.

A Xunta mantén o seu compromiso coa dotación dos medios precisos para contribuír a unha xustiza de calidade e colabora no ámbito xudicial cos colexios de profesións técnicas para a prestación de asistencia pericial. Deste xeito, no marco da colaboración entre o Goberno galego cos Colexios Oficiais de Psicoloxía e de Traballo de Galicia para a emisión de informes periciais preténdese axilizar as demandas de informes solicitados polos xulgados de Familia.

No que se refire á psicoloxía forense, Juan José Martín agradeceu ademais o traballo diario dos equipos psicosociais das subdireccións do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) na elaboración de pericias solicitadas polas autoridades xudiciais.